A Coruña, 29 de novembro de 2023.- A Cátedra Epifanio Campo celebra este xoves, 30 de novembro, ás 17:30 horas, o acto de entrega do Segundo Premio Epifanio Campo de Investigación no Parador de Turismo de Ferrol. O acto contará coa presenza do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana; o reitor da UDC, Julio Abalde; o conselleiro delegado do Grupo Rodonita, Jacobo Campo; e a directora da Cátedra Epifanio Campo, María Paz Mateo; ademais do director xeral do grupo Rodonita Medio Ambiente, Antonio Roncero; e distintos representantes de institucións, empresa e eido universitario.
O obxectivo principal deste galardón é promover a investigación e o coñecemento no ámbito da economía circular dentro do colectivo universitario, e en especial no eido da economía circular, da que o fundador do grupo Rodonita, Epifanio Campo, foi un pioneiro no ámbito empresarial galego.
O primeiro premio, dotado con 6.000 euros, foi concedido ao traballo titulado “IWABIMIX” (Industrial Wastes in Bituminous Mixes). Foi desenvolvido nos laboratorios da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos e no Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), ambos no campus da Universidade da Coruña, polo Grupo de investigación de Estradas, Xeotecnia e Materiais, liderado polo doutor Ignacio Pérez. O traballo plantexa unha investigación sobre a posibilidade de utilizar diversos tipos de residuos industriais como materia prima alternativa na fabricación de materiais para a pavimentación de estradas e outras infraestruturas. O obxectivo desde traballo, que contempla desde a utilización de escorias procedentes do aceiro ata cinzas de biomasa da industria papeleira ou da madeira, é a valorización de residuos industriais como medio cara a unha economía circular e loita contra o cambio climático.
Na mesma liña sitúase o segundo premio, dotado con 4.000 euros, que foi para o traballo titulado “Valorización de residuos e obtención de bioplásticos”, desenvolvido polo grupo de investigación Bioenxeñaría Ambiental e Control de Calidade, do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), da UDC.
O proxecto, dirixido pola profesora María Carmen Veiga, consiste no emprego de bacterias para producir plásticos e outros produtos químicos a partir de diferentes tipos de residuos como o soro de leite, o bagazo de cervexa, os lodos de depuradora ou as algas. Unha das grandes vantaxes é que estes plásticos son biodegradables e se descompoñen en varias semanas, a diferenza do plástico obtido a partir do petróleo, que tarda centos de anos en descomporse.
O tribunal desta segunda edición estivo formado, en representación do grupo Rodonita, promotor da Cátedra Epifanio Campo; polo conselleiro delegado, Jacobo Campo; e polo director xeral de Rodonita Medio Ambiente, Antonio Roncero. Tamén formaron parte do tribunal a directora da Cátedra Epifanio Campo, María Paz Mateo; e dous expertos do ámbito universitario, Alberto Arce, profesor da UDC; e Pastora Bello, profesora da Universidade de Santiago. Todos os membros coincidiron en resaltar a alta calidade de todos os proxectos presentados a esta convocatoria.
A segunda edición deste premio, co que se lle rende homenaxe a Epifanio Campo, pioneiro no ámbito da economía circular e a xestión ambiental e fundador do Grupo Rodonita, contou coa participación de preto de 40 investigadores pertencentes a dez grupos de investigación dos Campus da Coruña e Ferrol. Os proxectos presentados pertencen a ámbitos moi diversos, desde intelixencia artificial ata enxeñería química, física aplicada ou bioloxía costeira. Tras o éxito da primeira edición, cumpríronse as expectativas desta nova convocatoria, convocada co obxectivo de seguir avanzando no impulso da investigación relacionada coa xestión e valorización dos residuos xerados pola actividade industrial, como parte dunha economía circular que apoie a protección do medio ambiente.
Cátedra EPIFANIO CAMPO
O 14 de novembro de 2019, a Universidade da Coruña e o Grupo Rodonita subscribiron un convenio de colaboración para o desenvolvemento da Cátedra Epifanio Campo, adscrita á Escola Politécnica Superior da Universidade da Coruña, no Campus de Ferrol. O seu ámbito de actuación é o medio ambiente, a xestión de residuos e a sustentabilidade. Os obxectivos da cátedra céntranse en promocionar todo tipo de actividades de formación, divulgación, investigación e transferencia de coñecemento, relacionadas coa xestión medioambiental.