Unha proposta do Grao en Xestión Industrial da Moda recibe o Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global

A Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol resultou premiada na convocatoria do II Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global que promove a Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. A Facultade recibe o premio na categoría de “Ensinanzas Universitarias” grazas á proposta “Deseño Social e Ambiental Sustentable” coordinado pola profesora do Grao en Xestión Industrial da Moda, Patricia Muñiz e realizada polo alumnado da materia de Deseño de Moda do 2º curso do Grao.

A Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural Santa Marta en Santiago de Compostela acollerá, o próximo venres 24 de marzo ás 11:00 horas, a cerimonia de entrega do premio ao que acudirán a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, a decana da Facultade de Humanidades e Documentación, Manuela del Pilar Santos, o coordinador do Grado en Xestión Industrial da Moda, Manuel Escourido, e a profesora coordinadora do proxecto premiado, Patricia Muñiz.

O proxecto premiado comezou sendo unha iniciativa centrada na comunidade universitaria na que se buscaba concienciar ao futuro alumnado titulado do Grado en Xestión Industrial da Moda da importancia de ter en conta o impacto ambiental na industria da moda e a equidade das persoas que traballan neste sector. A partires do segundo ano de vida do proxecto leváronse a cabo distintas iniciativas que involucraron ao resto da sociedade, buscando crear reflexión e debate sobre os efectos que teñen os nosos actos de consumo, tratando de potenciar a reciclaxe, a economía circular e o comercio xusto.