A Cátedra de Transición Enerxética Genesal Energy premia o Traballo de Fin de Grao dunha alumna da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol

Ferrol, 12 de decembro de 2022.- María Ana Ortega Sarceda, graduada en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais pola Universidade da Coruña e alumna do máster en Enxeñaría Industrial que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), vén de acadar un dos dous primeiros galardóns na categoría de “Traballos de Fin de Grao” do I Premio a Traballos de Fin de Grao e Traballos de Fin de Máster para a Transición Enerxética convocado pola Cátedra de Transición Enerxética Genesal Energy que promove a Universidade de Santiago de Compostela en colaboración con esta empresa coruñesa dedicada ao deseño e fabricación de grupos electróxenos.

O xurado do I Premio a Traballos de Fin de Grao e Traballos de Fin de Máster para a Transición Enerxética decidiu outorgar dous primeiros premios “ex aequo” na modalidade de “Traballos Fin de Grao” dotados cada un deles con 1.500 euros e deixar deserto o segundo galardón. A alumna do Campus Industrial de Ferrol, María Ana Ortega Sarceda, acadou un deses dous primeiros premios co Traballo Fin de Grao titulado “Optimización da Eficiencia dunha Planta de Potencia Solar con Ciclo Rankine Orgánico” que realizou no curso 2021/22 baixo a dirección do profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Alberto Arce Ceinos.

Ao longo do seu traballo de pesquisa, María Ana Ortega Sarceda busca mellorar e optimizar o ciclo de potencia para o aproveitamento da enerxía solar de media temperatura “polo que o ciclo debe operar cun fluído orgánico no canto de auga, a que require maior temperatura”. Tal e como explica a alumna da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), esta tecnoloxía, coñecida como ORC, podería ser aplicada non só a unha pranta solar térmica senón a calquera outro proceso produtivo cunha fonte de calor de media temperatura. “En España temos algúns exemplos como a Planta de Andasol en Granada, onde concentran enerxía solar e expanden auga chegando a producir ata 50MW. Existen outras plantas máis pequenas, de 5MW, que aproveitan o calor residual procedente das estacións de compresión de gas natural, que si empregan a tecnoloxía ORC. Ademais, esta tecnoloxía podería empregarse para o aproveitamento da enerxía xeotérmica”, subliña.

María Ana Ortega Sarceda, alumna do máster en Enxeñaría Industrial da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), na Biblioteca Ángela Ruíz Robles, situada no Edificio de Apoio ao Estudo do Campus Industrial de Ferrol
María Ana Ortega Sarceda, alumna do máster en Enxeñaría Industrial da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), na Biblioteca Ángela Ruíz Robles, situada no Edificio de Apoio ao Estudo do Campus Industrial de Ferrol