A Cátedra Jorge Juan, promovida pola Universidade da Coruña e a Armada, conmemora hoxe o seu 30 aniversario no Campus Industrial de Ferrol

Ferrol, 19 de abril de 2024. O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao Abad, preside, xunto co almirante xefe do Arsenal Militar de Ferrol, o vicealmirante Ignacio Frutos Ruíz; co alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; coa vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas; coa directora da Cátedra Jorge Juan, a profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Sonia Zaragoza Fernández; e máis co profesor e divulgador da Universidad de La Rioja, Eduardo Sáenz de Cabezón; o acto de conmemoración do 30 aniversario da Cátedra Jorge Juan, nada froito dun convenio de colaboración asinado entre o Ministerio de Defensa e a Universidade da Coruña en marzo de 1993.

No transcurso da cerimonia, que dará comezo hoxe, venres 19 de abril, ás 19:00 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, o doutor en Matemáticas e Computación pola Universidad de La Rioja e presentador do programa de divulgación científica de La2 de RTVE “Órbita Laika”, Eduardo Sáenz de Cabezón, impartirá, en calidade de padriño do acto de conmemoración do 30 aniversario da Cátedra Jorge Juan, a conferencia “Á nosa imaxe e semellanza. Unha viaxe ao cerebro da máquina” na que convidará ao público asistente a reflexionar sobre a Intelixencia Artificial (IA) e as súas implicacións.

Está previsto que asistan ao acto boa parte dos seus antigos directores e directoras así como outras autoridades académicas e militares. A entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo do Salón de Actos.