A catedrática e coordinadora do grupo de investigación LIDIA, Amparo Alonso, imparte este martes unha conferencia sobre intelixencia artificial en Exponav

Ferrol, 15 de novembro de 2022.- A Sala Carlos III do Museo da Construción Naval (Exponav) acolle, este martes 15 de novembro, ás 19:00 horas, o acto de clausura do ciclo de conferencias do curso 2021/22 e o relevo na dirección da Cátedra Jorge Juan. O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o almirante xefe do Arsenal de Ferrol, Ignacio Frutos, presiden un acto no que estarán acompañados polo director saínte da Cátedra, o profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Pablo Fariñas, e o director entrante, o Capitán de Navío e Comandante Director da Escola de Especialidades da Graña (ESENGRA), José Luis Guevara.

A catedrática e coordinadora do Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial (LIDIA) da Universidade da Coruña, Amparo Alonso, imparte a última das conferencias do curso 2021/22 da Cátedra Jorge Juan titulada “Navegando cara o futuro con intelixencia artificial”. Amparo Alonso presidiu a Asociación Española de Intelixencia Artificial desde 2013 ata o ano 2021. A súa actividade investigadora céntrase na intelixencia artificial e focalízase en ámbitos de investigación tan distantes como a biomedicina, a eficiencia enerxética, o mantemento predictivo de buques, os aeroxeneradores ou a predición de incendios.

Cartel promocional da conferencia “Navegando cara o futuro con intelixencia artificial” que imparte, este martes 15 de novembro, ás 19:00 horas, a catedrática e coordinadora do grupo de investigación LIDIA da Universidade da Coruña, Amparo Alonso, na Sala Carlos III de Exponav.
Cartel promocional da conferencia “Navegando cara o futuro con intelixencia artificial” que imparte, este martes 15 de novembro, ás 19:00 horas, a catedrática e coordinadora do grupo de investigación LIDIA da Universidade da Coruña, Amparo Alonso, na Sala Carlos III de Exponav.