Ferrol, 21 de novembro de 2022.- A Facultade de Enfermaría e Podoloxía inaugurou este luns a exposición “Elvira López Mourín, unha enfermeira de altura” nun acto académico que tivo lugar no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol. A través de oito paneis, esta mostra itinerante réndelle homenaxe á primeira enfermeira española en participar nun voo sanitario militar durante a guerra do Rif, efeméride da que agora se cumpren 100 anos. Organizada pola Academia de Enfermaría de Galicia e o Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo, a exposición poderá visitarse, de xeito totalmente gratuíto, ata o vindeiro venres 25 de novembro.
O acto de inauguración contou coa intervención do presidente da Academia de Enfermaría de Galicia, Isidoro Rodríguez, da presidenta do Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo, Lourdes Bermello, da decana da Facultade de Enfermaría e Podoloxía da Universidade da Coruña, Emma R. Maseda, e máis do profesor da Facultade de Enfermaría da Universidade de Santiago de Compostela, Emilio Rubén Pego. Do mesmo xeito, asistiron, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, o delegado de Defensa en Galicia, Antonio Bernal, a directora de Enfermaría da Área Sanitaria de Ferrol, Isabel Campos, e a exdirectora de Enfermaría do Hospital Ribera Juan Cardona, Julia Margarita Talegón.
Elvira López Mourín (Láncara, 1893) formou parte da primeira promoción de enfermeiras profesionais da Cruz Vermella xunto a outras catro compañeiras. O 1 de novembro de 1922 participou, de xeito voluntario, no primeiro voo sanitario da aviación española no marco da guerra do Rif. A maiores, este foi tamén o primeiro voo de transporte aéreo de persoas feridas e un dos primeiros voos nocturnos da aviación española.