A segunda edición do foro “The Future of Fashion Talent” reúne mañá a máis de 200 participantes no Campus Industrial de Ferrol

Ferrol, 17 de abril de 2024. O alcalde do Concello de Ferrol, José Manuel Rey Varela; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas; o director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Marcos Míguez González; e o director xeral do grupo Cinnamon News e cofundador da publicación especializada Modaes, Christian De Angelis; inauguran mañá, xoves 18 de abril, ás 10:00 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal do campus ferrolán, a segunda edición do encontro “The Future of Fashion Talent”, un foro de debate sobre moda e talento no que participarán máis de 200 persoas, principalmente alumnado do Grao en Xestión Industrial da Moda e do grao en Enxeñaria de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto así como profesionais do sector procedentes de distintos puntos de Galicia.

O programa da xornada inclúe as intervencións do director de Recursos Humanos de Retail de Tendam, Ignacio Olmeda; do cofundador e CEO de PdePaola Jewelry, Humbert Sasplugas; da directora de Persoal, Cultura e Organización de Tous, Laura Valldevilaramo; da directora executiva de Roberto Verino, Dora Casal; do secretario xeral da Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (Cointega), Alberto Rocha; do responsable do departamento de ecommerce e expansión de Alba Conde, Pablo Conde; da co managing partner en Charm Hunter, Betty Lepina; do cofundador e CEO de Orquest, Alberto del Barrio; e do fundador e CEO de sistema de xestión de inventario con Intelixencia Artificial (IA) AnalyticAlways, Amancio Junior. Tamén falarán o coordinador do Grao en Xestión Industrial da Moda, titulación que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación do campus ferrolán, Manuel Escourido; e a profesora da Universidade da Coruña, Ariadna Monje.

O evento, que poderá seguirse en directo a través da canle de YouTube do Campus Industrial de Ferrol, comezará cunha conferencia sobre moda, territorio e emprego de calidade, seguida dunha mesa redonda na que se afondará en como seducir ás novas xeracións. Logo dun breve descanso, terá lugar un relatorio centrado no employer branding e, para pechar a xornada, outra mesa redonda sobre tecnoloxía e punto de venda. Á clausura do encontro está previsto que asista a secretaria territorial da Delegación da Xunta de Galicia en Ferrol, Patricia Busto Míguez, e a decana da Facultade de Humanidades e Documentación, Manuela del Pilar Santos Pita.

O foro “The Future of Fashion Talent” está organizado pola publicación líder en información económica do negocio da moda, Modaes, en colaboración co Campus Industrial da Universidade da Coruña e patrocinado pola Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (Cointega) e máis polo Concello de Ferrol.

 

Cartel das II Xornadas The Future of Fashion Talent
Cartel das II Xornadas The Future of Fashion Talent