Ferrol, 29 de abril de 2024.- A acumulación de partículas contaminantes sobre as superficies de edificios e monumentos históricos representa un desafío para a conservación do patrimonio cultural. Coñecidas como “black crusts” en inglés, as cotras negras das que falamos non só afectan á estética das estruturas, senón que tamén comprometen a súa integridade e durabilidade.
UNHA TESE DE DOUTORAMENTO ABORDA O PROBLEMA DA CONTAMINACIÓN AMBIENTAL SOBRE AS PONTES DE PRAGA
Este problema fíxose especialmente evidente nas icónicas pontes de Praga, cuxa maxestade arquitectónica e significado histórico as converte en vítimas destacadas da contaminación ambiental xerada polo uso de combustibles fósiles en vehículos e sistemas de calefacción, entre outros factores.
Un equipo científico da Charles University (CUNI) de Praga, experto en xeoloxía, aborda un triplo desafío: caracterizar estes depósitos, analizar como afecta a súa composición ao granito utilizado na construción das pontes e probar a eficacia da técnica láser para a súa limpeza.
Vendula Natherová, estudante predoutoral no Institute of Geochemistry, Mineralogy and Mineral Resources da institución checa, forma parte do equipo de traballo. A súa tese, dirixida polo investigador Richard Přikryl e que leva por título “Influence of postgenetic alteration processes on mineralogical composition and rock fabric of granitoids in relation to their physical/mechanical properties and durability”, afonda no estudo destes depósitos contaminantes, co propósito de valorar o seu impacto sobre os perpiaños graníticos para establecer medidas idóneas de actuación ante futuros procesos de restauración.
TÉCNICAS AVANZADAS REVELAN A COMPOSICIÓN DAS COTRAS
Vendula investiga actualmente no Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser do CITENI grazas ao programa Erasmus+ KA131 SMT para a mobilidade de estudantes en prácticas. Ana Xesús López, Alicia Moreno e Alberto Ramil, investigadores expertos en tecnoloxía láser aplicada ao patrimonio construído, colaboran no proxecto, xunto ao tamén investigador David M. Freire Lista, da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD). O equipo traballou con mostras de cotras negras extraídas da ponte de František Palacký, a terceira máis antiga de Praga, construída en 1876.
Para caracterizar a composición e morfoloxía das cotras empregáronse técnicas avanzadas como a espectroscopia Raman, a fluorescencia de raios X e a microscopia electrónica de varrido. Os resultados obtidos ata o momento revelan que se trata dunha cotra antropoxénica (produto da actividade humana) moi rica en carbono e xofre (substancias procedentes da combustión fósil en vehículos ou caldeiras). Tamén se realizaron probas de limpeza con diferentes equipos láser con resultados moi satisfactorios e apenas efectos sobre o granito.
PRESENZA EN CONGRESOS INTERNACIONAIS SOBRE A CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO
Os avances desta investigación serán presentados en dous destacados congresos internacionais dedicados ao patrimonio: o 7th International Congress Chemistry for Cultural Heritage 2024 (CHEMCH 2024), que se realizará en xullo en Bratislava; e o V International Congress Technoheritage 2024, que terá lugar en setembro en Santiago de Compostela.
Abordar o problema da contaminación ambiental, neste caso sobre as icónicas pontes de Praga, non só é unha cuestión de conservación do patrimonio cultural, senón tamén unha chamada de atención sobre a calidade do aire que respiramos e a necesidade de tomar medidas para protexer a nosa saúde e a contorna urbana.
Ademais, as novas directrices ambientais europeas, que promoven a redución do consumo de combustibles fósiles e a utilización de tecnoloxías verdes, como as baseadas no láser, ofrecen unha oportunidade única para levar a cabo intervencións de conservación e limpeza de monumentos históricos, como as das pontes de Praga, dunha maneira eficaz, minimamente invasiva e respectuosa co medio ambiente.