A UDC avanza na creación do novo Edificio de Investigación e Innovación na Industria do Campus de Ferrol coa adxudicación da redacción do proxecto

Ferrol, 4 de outubro de 2023.- A Universidade da Coruña dá un paso máis na materialización do novo Edificio de Investigación e Innovación na Industria (EI3), do Campus Industrial de Ferrol coa adxudicación da redacción do proxecto básico e de execución a favor da UTE Edificio EI3 integrada por Díaz y Díaz Arquitectos (A Coruña), pola empresa de enxeñaría G.O.C (Vigo) e máis pola UTE Alejandro Rodríguez Tarrío.

O novo Edificio de Investigación e Innovación na Industria construirase en Ferrol na Avenida de Esteiro, diante da Facultade de Ciencias do Traballo e da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, e servirá para ampliar o campus e potenciar as súas capacidades investigadoras.

O pasado mes de maio, a Universidade da Coruña licitou a redacción do proxecto básico e de execución do EI3 por un importe de 900.000 euros. Unha vez pechado o período de presentación de solicitudes, foron seis as candidaturas admitidas entre as que figuraban estudos de arquitectura e de enxeñaría tanto de Galicia, coma de Navarra, Andalucía ou Madrid. Adxudicouse á UTE Díaz y Díaz, Alejandro Tarrío, GOC por un importe de 719.998,40 euros, quen terá agora un prazo para a redacción do proxecto básico e de execución de catro meses.

A proposta é abrir o campus de Ferrol para o que se plantexa o edificio como un atrio de entrada á universidade, como conexión entre o campus e a cidade, que dá continuidade ao espazo urbano no seu interior. A peza central que vertebra o edificio é unha gran caixa de cristal que funciona como atrio. Un prisma adaptado á parcela cun soportal na parte baixa que de continuidade ao edificio co resto de edificacións na Avenida de Esteiro.

Proxéctase un edificio concordante cos existentes en altura e volume, pero a diferencia do resto dótaselle dun carácter máis permeable e humano, permitindo xerar unha relación entre o espazo residencial e o docente universitario, converténdose en nexo como un novo elemento de transición a modo de porta de acceso á universidade. O edificio, de 11.670 metros cadrados construídos, estrutúrase en dous sotos para aparcadoiros e almacéns; unha planta baixa na que estará o atrio, a recepción, auditorio e outras dependencias; e seis plantas para laboratorios, despachos colaborativos, salas comúns e outras instalacións.

Plantexouse un edificio seguindo unha serie de estratexias que atendan ás necesidades das persoas, tanto dos usuarios habituais como dos que puntualmente fagan uso deste. Para iso, proponse a creación de espazos con carácter social que permitan a conciliación familiar, como salas de lactancia; o descanso, con espazos comúns como a terraza da cuberta; e a interacción entre usuarios, con espazos de coworking nos que se fomenta o traballo colaborativo.

Ademais, para fomentar a colaboración entre os usuarios óptase por unha solución de espazos abertos, tanto arquitectonicamente, eliminando barreiras, como visualmente, co uso de vidro como tabiques, o relacionando espazos en diferentes alturas, xerando diagonais que permitan ver desde diferentes plantas outros espazos. Outra forma de fomentar a colaboración é xerar espazos de traballo abertos, salas de reunión, coworkings e espazos para empresas. Na proposta fíxose unha distribución de espazos en planta diferenciando dúas zonas, unha de traballo, docencia e investigación destinada máis aos usuarios habituais da universidade e outra máis pública, vinculada a usuarios puntuais, a empresas e entidades externas. Estes dous espazos cósense por unhas pasarelas que voan sobre o atrio central, dándolle ao conxunto unha continuidade visual, espacial e funcional.

A racionalidade técnica das solucións construtivas plantexa una estrutura con sistemas

preindustrializados que facilitan a construción e fana máis eficiente e económica, reducindo nun 40% aproximadamente o tempo de construción, facendo a fase de construción máis segura ao poder controlarse mellor os tempos e sistemas de montaxe. O EI3 proxectouse como un referente en materia de sustentabilidade dentro do campus verde de Ferrol, un edificio autosustentable e autosuficiente en canto á demanda e xeración de enerxía.

Alzado da entrada do Edificio de Investigación e Innovación na Industria (EI3), do Campus Industrial de Ferrol
Alzado da entrada do Edificio de Investigación e Innovación na Industria (EI3), do Campus Industrial de Ferrol
Interior do Edificio de Investigación e Innovación na Industria (EI3), do Campus Industrial de Ferrol
Interior do Edificio de Investigación e Innovación na Industria (EI3), do Campus Industrial de Ferrol