Aberto o prazo de inscrición para participar no Campamento Tecnolóxico de Verán “Volemos!” que acolle o Campus Industrial de Ferrol a finais de xuño

Ferrol, 30 de abril de 2024. O Campus Industrial de Ferrol acolle, ao longo última semana do mes de xuño, o Campamento Tecnolóxico de Verán Volemos!, unha proposta lúdico-formativa dirixida á rapazada de entre seis e 16 anos que organiza, por segundo ano consecutivo, o Campus Industrial da Universidade da Coruña. Coa axuda e baixo a supervisión do profesorado e alumnado da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) e da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), a cativada mergullarase en diferentes aspectos da enxeñaría, aprendendo desde os conceptos básicos ata as teorías máis avanzadas en campos como os da impresión 3D, o modelado 3D ou a da programación.

Os obradoiros desenvolveranse entre o 24 e o 28 de xuño de luns a venres, en horario de 09:00 a 14:00 horas. Existe a posibilidade de participar na modalidade “Madrugadores”, de 08:00 a 15:00 horas, na que se inclúe a maiores un servizo de comedor. A tarifa xeral é de 119 euros por semana completa. O prezo para as persoas integrantes da comunidade universitaria é de 99 euros. Aquelas persoas que se anoten ao servizo de madrugadores terán que abonar a maiores 15 euros polo almorzo semanal e/ou 35 euros polo xantar semanal, segundo desexen. Tamén se ofrece un desconto do 50% a partires do segundo neno ou nena inscrito/a pertencente á mesma unidade familiar. O prazo para formalizar a inscrición comeza mañá, mércores 1 de maio. Ofértanse un total de 60 prazas.

Máis información e inscricións en Campamento Tecnolóxico de Verán Volemos!

Cartel do Campamento Tecnolóxico de Verán Volemos!  que acolle a finais de xuño o Campus Industrial de Ferrol
Cartel do Campamento Tecnolóxico de Verán Volemos! que acolle a finais de xuño o Campus Industrial de Ferrol