Ferrol, 27 de xullo de 2023.- Endesa e a Universidade da Coruña (UDC) veñen de asinar un convenio de cesión por un período de 20 anos de diverso material electromecánico en desuso que foi empregado no laboratorio da Central Térmica das Pontes. O seu novo emprazamento será o Laboratorio de Electricidade Industrial da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) onde estará a disposición de todo o alumando do centro e, en especial, dos estudantes do grao en Enxeñaría Eléctrica e máis do máster en Enxeñaría Industrial.
Un dos principios que rexen a acción da compañía eléctrica nos territorios onde dispón de unidades de negocio é a economía circular. Neste sentido, identificáronse máis de 60 equipos que xa non tiñan utilidade no laboratorio da Central Térmica das Pontes e aos que se podería dar un novo uso dentro do ámbito educativo. Co que se acordou a cesión deste instrumental que agora servirá para mellorar as posibilidades formativas no Laboratorio de Electricidade Industrial da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), grazas a que os docentes poderán contar con equipos profesionais de primeiro nivel que Endesa mantivo en operación ata hai pouco.