Marzo 15, 2023

Xornada de enerxía eólica mariña

O vindeiro mércores 15 de MARZO, de 16:00 a 17:00 horas, celebrarase no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol a Xornada de Eólica Mariña a cargo do Parque Eólico Nordés e impartida por Helena Brage, responsable de desenvolvemento de negocio da empresa Blue Float.

Ao longo da xornada, as persoas asistentes poderán coñecer máis polo miúdo o contexto e a situación da enerxía eólica mariña e por que é chave esta enerxía. Tamén poderán afondar no desenvolvemento técnico de proxectos de eólica mariña flotante. Por último, trataranse as oportunidades de futuro que este sector terá en termos de xeración de emprego nas distintas fases do proxecto.

A formación está especialmente orientada ao alumnado da Escola Politécnica de Enxeñería de Ferrol e doutras Escolas e Facultades do Campus Industrial de Ferrol e da Universidade da Coruña, pero tamén poderán asistir outros integrantes da comunidade universitaria e público en xeral interesado nesta temática.

A entrada é libre sen necesidade de inscrición.