Ferrol, 30 de outubro de 2023.- O alumno do grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Pablo Vázquez Meizoso, vén de conseguir un dos 80 contratos en prácticas para estudantes universitarios no eido da enxeñaría e das ciencias que oferta cada ano a Organización Europea de Investigación Nuclear (CERN). Desde o pasado mes de agosto, este estudante da Universidade da Coruña traballa man a man cos outros integrantes do Grupo de Refrixeración e Ventilación do Departamento de Enxeñaría desta organización de investigación europea con sede en Suíza.
“É o contrato en prácticas dos meus soños”, así de tallante respondía Pablo Vázquez Meizoso ás preguntas sobre a súa estadía no CERN. Para conseguir un deses 80 contratos en prácticas para universitarios e universitarias, o alumno do Campus Industrial de Ferrol tivo que inscribirse na páxina web da organización, remitir o seu currículo, así como unha certificación académica con nota media e unha carta de recomendación que foi asinada por un dos seus profesores na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF). Unha vez superada esa primeira fase, chegou o momento da entrevista asíncrona. “Nela, tes a opción de responder a algunhas das preguntas en francés pero se dominas o inglés é máis ca suficiente para ser seleccionado ou seleccionada”, explica.
O CERN ofrece un contrato en prácticas cunha duración de entre 4 e 12 meses, un salario de 3.400 francos suízos, o que ao cambio serían máis de 3.500 euros ao mes, e o pagamento dos gastos da viaxe a Suíza. Durante os próximos meses, o alumno do grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática, Pablo Vázquez Meizoso, estará a cargo dun proxecto de automatización de refrixeración e ventilación dunha sala de servidores baixo a supervisión do persoal da organización de investigación europea.
Aínda que o seu contrato en prácticas remata en xullo de 2024, Pablo Vázquez Meizoso non descarta a idea de quedar en Suíza, polo que quere presentarse á convocatoria do CERN para titulados universitarios unha vez obteña o título de graduado en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática. Para iso, terá que volver ao Campus Industrial de Ferrol e presentar o Traballo Fin de Grao que está a realizar baixo a titorización do profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e investigador do grupo de Ciencia e Técnica Cibernética (CTC) da Universidade da Coruña, Esteban Jove Pérez.