A Coruña, 6 de outubro de 2023.- O Campus Industrial de Ferrol acollerá o vindeiro luns, 9 de outubro, unha reunión de traballo do reitor, Julio Abalde, e o seu equipo de goberno con representantes decanais e de dirección de centros e departamentos da Universidade da Coruña. Este encontro, que se realiza de forma habitual a principios de cada ano académico, ten como obxectivo analizar a situación do actual curso e os retos que se presentan. Neste caso trátase ademais de resaltar aspectos da Universidade menos coñecidos.
A reunión comezará cunha visita ás instalacións da Clínica Podolóxica (no Hospital Naval), ás 11:00 horas, a cargo do seu coordinador, o profesor Manuel Romero. Está previsto ademais que se dea a coñecer o programa de atención psicolóxica da UDC, Afrontemos.
Xa no Campus de Ferrol, ás 12:45 horas, o director por parte da UDC do Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia, Pablo Fariñas, presentará no salón de actos do Edificio Batallóns, os obxectivos e investigacións que se realizan no CEMI. A intervención do reitor porá o punto final a este encontro de directivos da universidade habitual no inicio de curso.