O Campus Industrial de Ferrol acolle a primeira reunión presencial do proxecto europeo sobre enerxía eólica mariña SHOREWINNER

Ferrol, 10 de maio de 2024. A Sala de Conferencias do Edificio de Batallóns do Campus Industrial de Ferrol acolle, ao longo deste xoves 9 e venres 10 de maio, a primeira reunión presencial do Proxecto Europeo Erasmus+ Southern European Community for Offshore Wind Energy (SHOREWINNER), unha iniciativa de innovación docente que pretende crear e desenvolver unha comunidade de cooperación internacional entre cinco países do sur de Europa, todos eles cunha alta potencialidade no eido da enerxía eólica mariña, co obxectivo de impulsar a creación dun ciclo de formación profesional que responda ás necesidades de formación destes territorios e ás demandas do mercado laboral.

O Instituto Politécnico do Porto lidera un proxecto no que participan distintas universidades, institucións e empresas de Chipre, Grecia, Italia, Portugal e de España baixo o paraugas da Comisión Europea. A representación española nesta comunidade de cooperación internacional está encabezada pola Universidade da Coruña, o Centro Tecnolóxico do Mar (Fundación CETMAR), a Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia e a consultora medioambiental tinerfeña Aquatera Atlántico SL. Xunto a eles, tamén participan neste proxecto europeo o CIFP Ferrolterra, de Ferrol, o CIFP Valentín Paz Andrade, de Vigo, e o IES Universidade Laboral e o Centro de Innovación Docente de FP Eduardo Barreiros, de Ourense.

O Proxecto Europeo Erasmus+ Southern European Community for Offshore Wind Energy (SHOREWINNER) dispón dun orzamento total de 3.980.424 euros. A Universidade da Coruña disporá de 329.915 euros para levar a cabo a súa parte do proxecto, durante os próximos catro anos, da man do profesor da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), Félix Orjales Saavedra, e do profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz Casás.

representantes das universidades, institucións e empresas implicadas no Proxecto Europeo Erasmus+ SHOREWINNER procedentes de Chipre, Grecia, Italia, Portugal e de España, xunto coa vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; o director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Marcos Míguez; o profesor da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), Félix Orjales Saavedra; e o profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz Casás, diante do Edificio de Batallóns do Campus Industrial de Ferrol.