Ferrol, 7 de novembro de 2022.- A Aula de Creación e Patronaxe da Facultade de Humanidades e Documentación acolle, este mércores 9 de novembro, ás 17:00 horas, o workshop “Xestión de Marca 360” impartido polo director de Marca na empresa alicantina de fíos sostibles Belda Lloréns, Fabricio Mancebo. A actividade está dirixida ao alumnado do segundo curso do grao en Xestión Industrial da Moda quen tamén poderá participar, ao igual que o resto da comunidade universitaria, na presentación do seu último libro, “The revolution of brands. Una historia personal sobre marcas, tecnología y personas” (Editorial Círculo Rojo, 2021), ás 19:00 horas, na Biblioteca Casa do Patín.
Fabricio Mancebo é licenciado en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade Complutense de Madrid (UCM). Ao longo da súa carreira obtivo 14 premios en creatividade e desenvolvemento de proxectos innovadores e, en 2002, realizou os primeiros estudos que se coñecen sobre o desenvolvemento creativo en persoas con discapacidade funcional. Ten traballado con marcas como Bentley, El Pozo, Warner, Levi´s, Ribera Salud, Obra Social Caixa, Morgan Stanley, Energy Sistem, Shiro Helmets, Maison Parfum, Caja Rural ou Grupo Vips. Actualmente é o director de Marca na empresa alicantina de fíos sostibles Belda Lloréns impulsando a marca Ecolife a nivel mundial.