O Campus Industrial de Ferrol acolle este venres un obradoiro sobre aplicacións móbiles impartido polo enxeñeiro de Huawei, Fran Almeida

Ferrol, 21 de novembro de 2022.- A Aula de Audiovisuais da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) acolle, o vindeiro venres 25 de novembro, ás 11:00 horas, o obradoiro “Huawei Mobile Service: Desenvolvemento de Aplicacións” impartido polo enxeñeiro do Soporte Técnico ao Desenvolvedor en Huawei CBG España, Fran Almeida. A directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares, e a coordinadora do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, Luz Castro, presentan unha actividade formativa dirixida a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado.

Ao longo da xornada, o alumnado e persoal investigador participante afondará na plataforma Huawei Mobile Services (HMS) onde se pode atopar a AppGallery así como outras aplicacións e servizos propios desta compañía chinesa. A maiores, neste espazo, inclúense tamén aqueles compoñentes dirixidos especificamente aos desenvolvedores e desenvolvedoras chamados HMS Core e que conteñen APIs, SKDs e outros servizos que poden ser empregados para crear e mellorar aplicacións que funcionen nos smartphones de Huawei.

Todas aquelas persoas interesadas en participar neste obradoiro terán que inscribirse chamando ao 881 01 3621 ou enviando un correo electrónico cos seus datos persoais a comunicacion.campus.industrial@udc.gal antes das 14:00 horas do xoves 24 de novembro.

O máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos impártese, desde o curso 2018/19, na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).
O máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos impártese, desde o curso 2018/19, na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).