O Campus Industrial de Ferrol acolle este xoves unha mesa redonda na que persoal experto analizará o primeiro ano de guerra en Ucraína

Ferrol, 28 de febreiro de 2023.- O Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol acolle, este xoves 2 de marzo, ás 13:00 horas, a mesa redonda Un ano de guerra en Ucraína na que intervirán o cónsul honorario de Lituania en Galicia, Rafael José de Espona; o autor do libro Ucraína. O camiño cara a guerra e coordinador do portal de seguimento e de análise da política internacional Descifrando la Guerra, Alejandro López Canorea, e a coordinadora da Asociación Integral de Rescate en Emerxencias (AIRE), Teresa Mendi Villarejo.

Moderará a mesa redonda o profesor de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade da Coruña Jorge Quindimil López,e presidirá o acto a decana do centro, Manuela del Pilar Santos Pita. A asistencia é libre ata completar o aforo.