O Campus Industrial de Ferrol acolle mañá a presentación en rolda de prensa da novena edición da FIRST LEGO League Galicia

Ferrol, 23 de febreiro de 2023.- A sala anexa ao Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle mañá, venres 24 de febreiro, ás 12:00 horas, a rolda de prensa de presentación da novena edición da FIRST LEGO League Galicia (FLL Galicia) que organizan a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol e o Campus Industrial da Universidade da Coruña baixo o paraugas da asociación ingeniera.soy.

O acto estará presidido pola vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla Fernández; a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao Rodríguez; o concelleiro delegado da Área de Cultura, Educación, Universidade, Deportes e Festas do Concello de Ferrol; Antonio Golpe Díaz; a directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares Pernas; o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, Andrés Piñón Pazos; e o coordinador da FLL Galicia, José Antonio Becerra Permuy.

A FIRST LEGO League Galicia terá lugar o vindeiro sábado 4 de marzo no Campus Industrial de Ferrol e, máis concretamente, na Escola Politécnica de Enxeñaría e na Facultade de Humanidades e Documentación. O Xogo do Robot disputarase no Pavillón de Esteiro e a entrega de premios levarase a cabo no Auditorio Municipal de Ferrol. Ao igual que en edicións anteriores, o evento conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, dependente da Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade, da Deputación Provincial da Coruña e do Concello de Ferrol.

Ademais, patrocina a FLL Galicia a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, Gadis, R Cable, ERROR! Ferrol, PuntoGal, Neodyn e Todo Ocio.

Que é a FIRST LEGO League?

FIRST LEGO League é un programa internacional que desafía a mozos e mozas de entre 4 e 16 anos, divididos en tres categorías, a resolver problemas do mundo real como poden ser a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovables. Ao mesmo tempo, aprenden valiosas habilidades para o seu futuro profesional e persoal como son o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación. Este é un desafío conformado por tres ámbitos de traballo:

  • Deseñar, construír e programar un robot.
  • Desenvolver un proxecto de innovación que dea solución a un problema proposto por eles mesmos dentro da temática anual.
  • Demostrar uns valores de equipo.

FIRST LEGO League ten a dobre misión de fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre os máis novo e desenvolver habilidades e competencias de futuro.

Integrantes dun dos equipos da FLL Galicia disputando o Xogo do Robot. Imaxes de arquivo.
Integrantes dun dos equipos da FLL Galicia disputando o Xogo do Robot. Imaxes de arquivo.