Ferrol, 24 de outubro de 2023.- A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla Fernández, a secretaria da Real Academia Galega das Ciencias (RAGC) e catedrática de Astronomía e Astrofísica da Universidade da Coruña, Minia Manteiga Outeiro, a directora do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Ana Ares Pernas, e o director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e coordinador do Ciclo Avances en Ciencia e Tecnoloxía da RAGC, Senén Barro Ameneiro, inauguran mañá, mércores 25 de outubro, ás 17:00 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, unha das sesións de traballo do curso “Intelixencia Artificial. A electricidade do século XXI?”.
O programa da xornada inclúe a intervención do catedrático do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da Universidade da Coruña, Richard José Duro Fernández, quen falará, ás 17:15 horas, sobre os retos da robótica realmente intelixente. De seguido, ás 18:00 horas, o director do Centro de Excelencia de Sistemas Navais de Navantia, Juán Jesús Carretero, e o codirector do Centro Mixto de Investigación UDC – Navantia, Pablo Fariñas Alvariño, afondarán no papel da intelixencia artificial no eido da construción naval. Por último, ás 19:15 horas, intervirá o catedrático do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da Universidade da Coruña, Francisco Javier Bellas Bouza, quen analizará os vínculos existentes entre a educación e a intelixencia artificial.
O Ciclo Anvances en Ciencia e Tecnoloxía, no que se enmarca o curso “Intelixencia Artificial. A Electricidade do século XXI?”, está organizado pola Real Academia Galega das Ciencias (RAGC) en colaboración coa Deputación da Coruña, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a Universidade da Coruña, a consultora Plexus e a Xunta de Galicia.
Inscrición – Curso “Intelixencia Artificial. A electricidade do século XXI?”