O Campus Industrial de Ferrol acolle mañá una xornada sobre a enerxía eólica mariña promovida polo grupo Sener no marco do proxecto europeo MarineWind

Ferrol, 12 de marzo de 2024.- O alcalde do Concello de Ferrol, José Manuel Rey Varela; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; e o director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Marcos Míguez; inauguran mañá, mércores 13 de marzo, ás 10:00 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, a xornada “Eólica Mariña en Galicia” organizada polo departamento de Enxeñaría Eólica do Grupo Sener no marco do Proxecto Europeo MarineWind, unha iniciativa impulsada pola Agenzia per la Promozione della Ricerca Europe (APRE) e a University of York en colaboración con outras seis institucións e organismos de España, Italia, Grecia, Portugal, Bélxica e o Reino Unido.

O marco legal e o contexto da eólica mariña será fío condutor da primeira mesa redonda da xornada, na que participarán a responsable do Departamento de Desenvolvemento de Negocio do Grupo Sener, Raquel Juan; o xefe do Departamento de Desenvolvemento Portuario e Xestión de Dominio Público da Autoridade Portuaria de Ferrol, Javier Gómez; e o secretario xeral e responsable de Relacións Orgánicas e Institucionais de Comisións Obreiras de Industrial de Galicia, Víctor Ledo.

A segunda mesa centrarase no rol da academia, a industria e os centros tecnolóxicos. Nela intervirán a coordinadora da Área de Formación do Centro Tecnolóxico do Mar (Fundación CETMAR) e secretaria do Consorcio que promove o Pacto de Capacidades no sector das Enerxías Renovables Mariñas, Lucía Fraga; a profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e integrante do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol, Laura Castro; o director da división de Enerxía do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Santiago Rodríguez; e a técnico de Innovación da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (ASIME), María Campos.

A visión e o coñecemento medioambiental sobre a eólica mariña centrará a terceira mesa redonda da xornada. Participarán o científico do Instituto de Investigacións Mariñas do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Miguel Gil; o responsable comercial da Delegación de Galicia de Tecnoambiente, Guillermo Bouza; e o catedrático da Universidade da Coruña e profesor na Facultade de Ciencias, Javier Cremades.

A cuarta e última das mesas redondas afondará no impacto que a enerxía eólica mariña ten sobre os diferentes sectores e, especialmente, no da pesca e no do turismo. Intervirán o director de Innovación e Proxectos da Federación Nacional de Confradías de Pescadores (CNCP), Fabián Ben; o xerente do Clúster de Enerxías Renovables de Galicia, Oriol Sarmiento; e a directora de Desenvolvemento de Negocios en Bluefloat para o Parque Nordés, Helena Brage.

Xa pola tarde, a partires das 16:00 horas, está previsto que os máis de 40 participantes na xornada “Eólica Mariña en Galicia” visiten as instalacións de Navantia en Ferrol e en Fene. Para asistir como público cómpre ter invitación, a cal pode xestionarse enviando un correo electrónico a offshorewind@sener.es.