O Campus Industrial de Ferrol e a Oficina de Cooperación e Voluntariado inauguran unha exposición sobre proxectos de Aprendizaxe e Servizo

A sala anexa ao Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle o próximo xoves 16 de marzo ás 11:00 horas a inauguración dunha exposición dos proxectos de Aprendizaxe e Servizo levados a cabo nas titulacións do campus nos últimos anos.

Á inauguración da exposición asistirán a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, a directora do Campus Industrial, Ana Ares, así como a técnica da Oficina de Cooperación e Voluntariado no campus de Ferrol, Vanessa Míguez, e representantes do Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa.

Tamén asistirán á inauguración todos aqueles docentes e entidades que teñen contribuído á realización das distintas actividades de aprendizaxe-servizo nos centros.

A Aprendizaxe-Servizo é unha metodoloxía docente na que o alumnado adquire as competencias da materia ao mesmo tempo que realiza un servizo á comunidade. Este servizo está enfocado principalmente a atender algunha necesidade de entidades que traballan con persoas en risco de exclusión social ou con necesidades especiais.

O obxectivo desta exposición é visibilizar os proxectos levados a cabo no campus, animar a máis profesorado a participar, así como dar a coñecer no campus e agradecer a colaboración a todas as entidades que participaron nos mesmos.

A exposición poderá ser visitada ata o 24 de marzo na Sala Anexa do Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol.