O Campus Industrial de Ferrol organiza a súa terceira Xornada de Portas Abertas o vindeiro venres 5 de abril

Ferrol, 5 de marzo de 2024. O Campus Industrial de Ferrol e o Servizo de Estudantes da Universidade da Coruña organizan, o vindeiro venres 5 de abril, a súa terceira Xornada de Portas Abertas dirixida a alumnado de Bacharelato e de ciclos de Formación Profesional Superior logo do éxito acadado tanto na súa primeira coma segunda edición, nas que participaron preto de 400 e 600 estudantes respectivamente. A quenda de mañá, de 09:30 a 13:45 horas, estará reservada para colexios e institutos, mentres que a da tarde, de 16:00 a 20:00 horas, estará dirixida a un público máis familiar. O alumnado participante poderá elixir ente tres posibles itinerarios: Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas + Artes e Humanidades ou Enxeñaría.

Ao igual que en edicións anteriores, o estudantado que opte polo itinerario de Ciencias da Saúde achegarase ata a Facultade de Enfermaría e Podoloxía, centro no que se imparten o Grao en Enfermaría e Podoloxía. Pola contra, o alumnado que elixa o itinerario de Ciencias Sociais e Xurídicas + Artes e Humanidades visitará, en primeiro lugar, a Facultade de Humanidades e Documentación, onde se imparte o Grao en Xestión Industrial da Moda e o Grao en Xestión Dixital de Información e Documentación. Desde o curso 2022/23, o centro acolle unha nova titulación, posta en marcha en colaboración coa Universidade de Vigo (UVigo), o Grao en Relacións Internacionais. Ao igual que o Grao en Xestión Industrial da Moda, esta titulación require dunha acreditación de nivel B1 de inglés que se fará efectiva no momento de formalizar a matrícula. No itinerario de Ciencias Sociais e Xurídicas + Artes e humanidades inclúese tamén a visita á Facultade de Ciencias do Traballo, centro no que se imparte o Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos.

Pola súa banda, o itinerario de Enxeñaría levará ao estudantado ata a Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) onde se imparte o Grao en Enxeñaría en Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto. Do mesmo xeito, o alumnado participante achegarase tamén ata a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) onde se imparten os Graos en Enxeñaría Mecánica, en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, en Enxeñaría Naval e Oceánica, en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática e o Programa de Simultaneidade en Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría Naval e Oceánica. A maiores, a escola oferta o Grao en Enxeñaría Eléctrica, o primeiro grao dual do Sistema Universitario de Galicia (SUG), e o Grao aberto en Enxeñaría Industrial, unha titulación que lle permite ao estudantado elixir a carreira que finalmente vai estudar no segundo curso, optando así polo Grao en Enxeñaría Mecánica, en Tecnoloxías Industriais, en Enxeñaría Eléctrica ou ben polo Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática.

Todas aquelas persoas interesadas en participar na III Xornada de Portas Abertas do Campus Industrial de Ferrol deberán enviar un correo electrónico cos seus datos persoais a comunicacion.campus.industrial@udc.gal ou ben chamar ao 881 01 3621 antes das 14:00 horas do venres 22 de marzo. As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

Formulario de inscrición – III Xornada de Portas Abertas do Campus Industrial de Ferrol

Portal de Estudos da Universidade da Coruña