O Campus Industrial de Ferrol promove o “Camiño ConCiencia”, un proxecto de divulgación científica vinculado ao Camiño de Santiago

Ferrol, 7 de febreiro de 2023.- . Percorrer as seis etapas do Camiño Inglés desde Ferrol ata Santiago de Compostela e coñecer máis polo miúdo o Campus Industrial de Ferrol e as súas potencialidades nos eidos da docencia, da transferencia e da investigación. Ese é o principal obxectivo do proxecto de divulgación científica “Camiño ConCiencia” que promoven tres investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), Ana Isabel Ares Pernas, Armando Yáñez Casal e Ginés Nicolás Costa, xunto con persoal técnico do Campus Industrial de Ferrol, e que conta co apoio da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Todas aquelas persoas que completen as seis etapas do Camiño Inglés terán dereito a solicitar a Compostela á súa chegada a Santiago. A maiores, poderán cumprimentar a Credencial do “Camiño ConCiencia” o que lles permitirá obter a Cienciostela e levar como agasallo unha camiseta co lema do proxecto de divulgación: “Eu camiño con ciencia”. Esta última Credencial poderá selarse en puntos habilitados para tal fin en cada unha das etapas. Nestes espazos, as persoas participantes atoparán diversos paneis informativos relativos ás Facultades e Escolas do Campus Industrial de Ferrol, aos proxectos que se están a desenvolver no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) así como aos proxectos de transferencia que se puxeron ou se están a pór en marcha desde o Centro Mixto de Investigación UDC – Navantia.

Os resultados desta primeira experiencia plasmaranse nunha publicación que servirá como antesala para a organización dunha edición internacional do “Camiño ConCiencia” no que está previsto que participe persoal investigador e de administración e servizos de universidades doutros países.

Ofértanse un total de 50 prazas tendo preferencia na inscrición, ata o venres 10 de febreiro, o persoal investigador e de administración e servizos da Universidade da Coruña. A partires desa data, a actividade abrirase a todas aquelas persoas maiores de idade interesadas en participar. A inscrición formalizarase enviando un correo electrónico cos datos persoais a investigacion.campus.industrial@udc.gal ou chamando ao 881 01 3638. O prezo da actividade ascende a 32 euros (7 euros a primeira etapa e 5 euros as restantes) e inclúe un servizo de autobús para a volta ao punto de inicio de cada unha das etapas.

 

Etapa 1 – Domingo 19 de febreiro, ás 09:00 horas – Ferrol – Neda (17 kms) *Paneis informativos sobre o Campus Industrial de Ferrol e o Centro Mixto UDC – Navantia

Etapa 2 – Domingo 26 de febreiro, ás 09:00 horas – Neda – Pontedeume (16 kms) *Paneis informativos sobre o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI)

Etapa 3 – Domingo 5 de marzo, ás 09:00 horas – Pontedeume – Betanzos (21 kms) *Paneis informativos sobre as Facultades e Escolas do Campus Industrial de Ferrol e sobre o Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL) no campo do conservación do patrimonio.

Etapa 4 – Domingo 12 de marzo, ás 09:00 horas – Betanzos – Bruma (25 kms) *Paneis informativos sobre o Grupo de Investigación en Propiedades Térmicas e Reolóxicas dos Materiais (PROTERM) e do Grupo de Polímeros.

Etapa 5 – Domingo 19 de marzo, ás 09:00 horas – Bruma – Sigüeiro (25 kms) *Paneis informativos sobre o Laboratorio de Enxeñaría Mecánica e sobre as sete Cátedras do Campus Industrial de Ferrol (Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos, Cátedra Jorge Juan, Cátedra Epifanio Campo, Cátedra Ghenova UDC de Industria 4.0, Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial e a Cátedra Diócese de Mondoñedo – Ferrol Universidade da Coruña)

Etapa 6 – Domingo 26 de marzo, ás 09:00 horas – Sigüeiro – Santiago (17 kms) *Paneis informativos sobre os proxectos desenvolvidos no Campus Industrial de Ferrol no marco do programa Horizonte Europa, Fondo Europeo de Defensa ou Erasmus + entre outros.

 

Inscrición no proxecto de divulgación científica “Camiño ConCiencia

Os investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol, Ginés Nicolás Costa, Ana Isabel Ares Pernas e Armando Yáñez Casal, promoven o proxecto de divulgación científica “Camiño ConCiencia”.
Os investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol, Ginés Nicolás Costa, Ana Isabel Ares Pernas e Armando Yáñez Casal, promoven o proxecto de divulgación científica “Camiño ConCiencia”.