O Colexio Internacional SEK Atlántico de Poio gaña a primeira edición do reto Challenge STEM que organiza o Campus Industrial de Ferrol

Ferrol, 11 de novembro de 2022.- Baixo o pseudónimo de “Ciencia Viva”, Jaime Martínez Miramontes, Carlos González Tourís, Martín Buela Portela, Miguel Búa Fernández, Martín Amorín González e Julia Palmeira, alumnos do Colexio Internacional SEK Atlántico de Poio, acadaron o primeiro premio na Gran Final Presencial do reto Challenge STEM que tivo lugar este venres, de 10:30 a 15:00 horas, no Campus Industrial de Ferrol. Logo da súa participación no evento, o centro pontevedrés recibiu unha impresora 3D e os integrantes do equipo gañador cadansúa cámara GoPro.

O segundo galardón foi para o equipo “CMC.01” do Colexio Plurilingüe Compañía de María da Coruña integrado por Candela Garea Veiga, Yago López Solórzano, Marcos Pérez Graíño, Eugenia Sánchez Castelo e Lucas Valencia Solá. O centro coruñés recibiu un dron como agasallo. Pola súa banda, o terceiro premio foi para o equipo “SEK STEAM ONE” do Colexio Internacional Eirís da Coruña formado por Ruth Rodríguez Naya, Íñigo Fernández García, Rodrigo Sánchez Fuentes, Miguel Barral Buján e José Angel Amarelle Varela. Nesta ocasión, o centro levou un kit de robótica educativa arduino.

No mes de outubro, preto de 270 estudantes de bacharelato da rama científica de máis de 50 institutos de toda Galicia, divididos en grupos de entre catro e seis persoas, estiveron a competir, colaborar e traballar para resolver os enigmas dun misterioso buque de metano chamado Mozah. Este desafío en liña puxo a proba os seus coñecementos en materias como as matemáticas, o cálculo, a física, a química, as ciencias e a tecnoloxía.

Ao longo da mañá do venres, os catro equipos clasificados na Gran Final Presencial do reto Challenge STEM seguiron afondando na historia deste buque de metano de 400 metros de eslora e 60 de manga. Cando o Mozah decide abandonar a Ría de Ferrol para dirixirse ao seu novo destino, un dos integrantes da tripulación, Patxi, cae pola borda. Os 20 estudantes clasificados na gran final presencial, traballaron a contrarreloxo para programar e prototipar unha catapulta que lles permitese lanzarlle un flotador salvavidas e comunicarse co barco máis próximo.

 

Listaxe de equipos que participaron na Gran Final Presencial do Challenge STEM

 

Nome do equipo Nome do centro Integrantes
1 CMC.01 Colexio Plurilingüe Compañía de María (A Coruña) Candela Garea Veiga, Yago lópez Solórzano, Marcos Pérez Graíño, Eugenia Sánchez Castelo e Lucas Valencia Solá
2 Motor rotativo IES Pino Manso (O Porriño, Pontevedra) Martín González Morais, Diego García Abad, Carlos Pampillón Lorenzo e Daniel Piñeiro Freiría
3 SEK STEAM ONE Colexio Internacional Eirís ( A Coruña) Ruth Rodríguez Naya, Íñigo Fernández García, Rodrigo Sánchez Fuentes, Miguel Barral Buján, José Ángel Amarelle Varela
4 Ciencia Viva Colexio Internacional SEK Atlántico (Poio, Pontevedra) Jaime Martínez Miramontes, Carlos González Tourís, Martín Buela Portela, Miguel Búa Fernández, Martín Amorín González e Julia Palmeira

 

 

Máis información en https://challengestem.gal/

 

O Colexio Internacional SEK Atlántico de Poio gaña a primeira edición do reto Challenge STEM que organiza o Campus Industrial de Ferrol
O Colexio Internacional SEK Atlántico de Poio gaña a primeira edición do reto Challenge STEM que organiza o Campus Industrial de Ferrol