Ferrol, 30 de xuño de 2023.- O Rotary Club de Ferrol, xunto co Rotary Club Porto Aliados, veñen de conceder o Premio Amizade 2023 ao investigador francés do Campus Industrial Florian Michaud. Ademais do diploma acreditativo, este premio inclúe unha dotación económica de mil cincocentos euros.
De todas as candidaturas presentadas, o xurado fallou a favor da proposta científico-tecnolóxica titulada “Biomecánica para prevención de lesións, avaliación de patoloxías e tratamentos” do investigador Florian Michaud. Nela, o autor recompila unha serie de investigacións e accións de divulgación levadas a cabo en Ferrol no ámbito da biomecánica, sobre a modelización musculoesquelética, a análise do movemento ou a estimación da postura da columna vertebral mediante sensores.
En palabras do enxeñeiro e doutor galardoado, o seu labor como investigador céntrase en “mellorar a calidade de vida, fomentar a boa vontade e destacar a importancia da investigación local, valores compartidos tanto polo Rotary Club de Ferrol como polo Premio AMIZADE”.
A entrega do XXIII Premio AMIZADE terá lugar mañá, sábado 1 de xullo, ás 20:30 h, no Parador de Turismo de Ferrol. Trátase dun evento privado, no marco do cal tamén se realizará o Acto de Cambio de Colares que organiza anualmente o Rotary Club de Ferrol, con gallo do cambio da súa presidencia.
O PREMIO AMIZADE
O Rotary Club de Ferrol e o Rotary Club Porto Aliados convocan este premio co obxectivo de recompensar aquelas iniciativas, dentro do ámbito académico, vinculadas á investigación, ao emprendemento ou ó servizo á comunidade nas áreas das artes, ciencias ou humanidades. Convócase anualmente, desde hai máis de dúas décadas, con alternancia entre as sedes rotatorias organizadoras: Ferrol e O Porto. A participación está aberta a estudantes ou persoas recentemente tituladas da Universidade da Coruña (concretamente do Campus Industrial de Ferrol) e da Universidade do Porto, sempre en correspondencia coa sede organizadora. Este ano ten lugar a 23.ª edición en Ferrol.
SOBRE FLORIAN MICHAUD
Florian Michaud, graduado en Enxeñaría na especialidade de Mecánica e Ergonomía pola Universidade de Belfort-Montbeliard (Francia), incorporouse ao Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LEM) da Universidade da Coruña (UDC) en 2014. Desde entón, investiga no campo da biomecánica do movemento humano. A súa tese de doutoramento, titulada “Modelos multicuerpo do sistema neuromusculoesquelético humano para a marcha de suxeitos sans e lesionados medulares”, foi premiada como mellor tese de doutoramento pola Cátedra HM-UDC de Traumatoloxía do Deporte en 2021. Actualmente desenvolve a súa propia investigación relacionada coa modelaxe de xeonllos para artroplastia total de xeonllo.
*Referencia: https://pdi.udc.es/gl/File/Pdi/R49WK
SOBRE O CITENI:
O Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) intégrase na Rede de Centros e Unidades de I+D+i da Universidade da Coruña. Nace co obxectivo de impulsar as tecnoloxías navais e industriais a través dunha perspectiva integrada e interdisciplinar.
Representa o piar da I+D+i do Campus Industrial, un dos tres campus de especialización da Universidade da Coruña. Está situado no Campus de Ferrol. O CITENI aposta polo desenvolvemento dunha industria eficiente, sustentable e capaz de adaptarse aos cambios. Ofrece solucións tecnolóxicas e transfire investigación de calidade aos sectores industriais tractores galegos, en particular, á industria naval e marítima. Ademais, pretende ser un referente en investigación para a contorna industrial do noroeste atlántico grazas ao establecemento de alianzas e sinerxías con outros centros de investigación, nacionais e internacionais.
