Persoal investigador do Campus Industrial de Ferrol afonda no uso da tecnoloxía láser para a limpeza dos cascos de embarcacións de fibra de vidro

Ferrol, 20 de decembro de 2022.- Os profesores e investigadores do Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol, Ana Xesús López Díaz, Alberto Ramil Rego, Alicia Moreno Madariaga, e o responsable do Departamento de Tecnoloxía na empresa Anta Norte SL, Javier Lamas Vigo, presentaron, a finais de novembro, na VII edición da Semana Internacional do Láser que organiza o Centro Tecnolóxico AIMEN, os resultados preliminares dunha investigación centrada no uso da tecnoloxía láser para a limpeza dos cascos de embarcacións de fibra de vidro.

Logo de varias conversas coa Autoridade Portuaria de Ferrol – San Cibrao, o persoal investigador da Universidade da Coruña propúxose avaliar a capacidade de eliminación da pintura antifouling, tamén coñecida como pintura patente ou antiincrustante, do casco dun barco de fibra de vidro botando man da tecnoloxía láser. Cómpre sinalar que a pintura antifouling é un tratamento especial que evita que as algas ou calquera outro organismo mariño se adhira ao caso dunha embarcación mantendo lisa esta superficie e reducindo a posibilidade dunha avaría no temón, nas hélices o mesmo no pasacascos.

Deste xeito, o persoal investigador do Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) debía determinar a cantidade e intensidade dos danos ou cambios no casco dunha embarcación ao tempo que validaba o uso desta técnica de ablación láser ultrarrápida e completamente verde en superficies reais con certo desgaste. Para iso, os profesores e investigadores do Campus Industrial de Ferrol, en colaboración co Departamento de Tecnoloxía da empresa Anta Norte SL, realizaron diversos experimentos. No primeiro deles, empregaron unha chapa de fibra plana con parámetros coñecidos, fabricada nun estaleiro, sen desgaste forzado e recuberta con matriz autopulimentable subministrada por Astilleros Deportivos Ferrol SL.

No segundo, botaron man dunha fibra plana con parámetros coñecidos, fabricada nun estaleiro, sen desgaste forzado e recuberta con matriz dura proporcionada tamén por Astilleros Deportivos Ferrol SL. Por último, para o terceiro experimento, usaron unha chapa de fibra procedente dunha embarcación varada con matriz descoñecida sometida a procesos de desgaste nunha contorna real facilitada pola Autoridade Portuaria de Ferrol – San Cibrao. Os resultados analizáronse mediante unha lupa binocular, un microscopio interferométrico e un microscopio petrográfico logo de empregar para a limpeza destas fibras un láser de nanosegundo e outro de femtosegundo.

As conclusións preliminares do estudo determinan que si é factible limpar capas de pouco espesor de pintura antifouling de cascos de embarcacións de fibra de vidro usando un láser pulsado de femtosegundo teñan ou non pequenos danos superficiais. Tal e como explica a profesora e investigadora Ana Xesús López Díaz, “cun número razoable de pasadas, a nivel macroscópico non se aprecian danos ou efectos térmicos na superficie destas fibras. A nivel microscópico, si se poden observar porosidades superficiais semellantes ás producidas por un alfinete e que poderían estar asociadas ao uso do láser ou ben ao proceso de fabricación da propia fibra”.

A seguinte fase da investigación será o estudo da súa viabilidade industrial coa posta en marcha dun proxecto no que se realizará o cálculo dos tempos de limpeza robotizada e se implementarán probas de detección en superficies máis complexas.

De esquerda a dereita, Ana Xesús López Díaz, Alberto Ramil Rego e Alicia Moreno Madariaga, investigadores do Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL), e Javier Lamas Vigo, responsable do Departamento de Tecnoloxía da empresa Anta Norte SL, no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol.
De esquerda a dereita, Ana Xesús López Díaz, Alberto Ramil Rego e Alicia Moreno Madariaga, investigadores do Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL), e Javier Lamas Vigo, responsable do Departamento de Tecnoloxía da empresa Anta Norte SL, no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol.