Ferrol, 13 de decembro de 2022.- Transformar os residuos orgánicos en materias primas coas que fabricar novos produtos a escala industrial nos eidos do téxtil, calzado ou no do envasado de alimentos frescos cumprindo coas normativas de calidade, compostaxe e reciclaxe da Unión Europea. Este é o obxectivo do proxecto europeo Waste2BioComp: Converting organic waste into sustainable bio-based components que coordina o Centro Tecnolóxico da Industria Téxtil e do Vestiario de Portugal (CITEVE) e no que traballan sete investigadores do Grupo de Polímeros do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol.
A profesora e investigadora da Universidade da Coruña, María Belén Montero Rodríguez lidera un equipo no que tamén participan os seus homólogos Rebeca Bouza Padín, Maite Rico Varela e Luis Fernando Barral Losada. Completan o grupo de traballo, a investigadora postdoutoral, contratada ao abeiro da convocatoria “Talento Investigador” do Campus Industrial de Ferrol, Zoia Haholkina, e os estudantes do Programa de Doutoramento en Física Aplicada, Danny Robert Moncada Villalobos e Anja Schmidt.
O traballo do equipo da Universidade da Coruña dentro deste proxecto estará orientado exclusivamente ao desenvolvemento e obtención de produtos para o sector do envase e da embalaxe no eido da alimentación. Nesta primeira fase do proxecto, o persoal investigador do Campus Industrial de Ferrol traballa desde o Laboratorio de Polímeros, situado na antiga Escola Universitaria Politécnica de Serantes, na preparación de nano/micro partículas a partir de Polihidroxialcanoatos (PHAs), uns biopolímeros completamente verdes que se obteñen a partires de residuos orgánicos e que son completamente amigables co medio ambiente, biodegradables e biocompatibles. Estas nano/micropartículas serán incluídas en filmes que tamén serán empregados polo equipo da Universidade da Coruña a partires deses PHAs. Nesas partículas encapsularanse determinadas sustancias activas, antimicrobianas e antioxidantes que se irán liberando co paso do tempo e/ou uso para manter frescos e en óptimo estado os alimentos envasados.
Está previsto que nos próximos meses, o equipo liderado pola profesora e investigadora María Belén Montero Rodríguez, se traslade ata o Laboratorio de Plásticos (LabPlast), situado no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), para continuar co seu traballo. Nesta segunda fase, crearán cadanseu prototipo, un para filmes flexibles e outro para bandexas ríxidas, ambos os dous de aplicación no sector da alimentación. Estes prototipos serán completamente verdes durante todo o seu ciclo de vida desde a súa produción ata o seu descarte e terán a capacidade de manter os alimentos frescos e en bo estado por máis tempo. O obxectivo desta segunda fase será o de producilos a escala industrial cumprindo coas normativas de calidade, compostaxe e reciclaxe da Unión Europea.
Ao remate do proxecto, presentaranse e produciranse os prototipos de aplicación en tres campos de traballo: no sector do téxtil – fabricando novos tecidos e máscaras – no do calzado – elaborando soletas e solas – e no do envase e da embalaxe – producindo filmes flexibles e envases ríxidos. O proxecto inclúe tamén ensaios de biodegradación para todos os prototipos e a compostaxe de residuos así como a posta en marcha de actividades formativas dirixidas á comunidade universitaria, especialmente, ao persoal investigador e ao alumnado de programas de doutoramento e máster vinculados coa temática.
Waste2BioComp: Converting organic waste into sustainable bio-based components está financiado pola Unión Europea a través do Horizon Europe Framework Programme e conta cun orzamento de 5.861.763 euros. Participan 13 organizacións de Portugal, España, Alemania, Italia, Francia e Suíza. A Universidade da Coruña é o único organismo español participante e dispón dun orzamento de 373.386 euros e 36 meses para levar a cabo a súa parte do proxecto europeo.
