Preto de 30 empresas do ámbito da enxeñaría participan mañá no Forum de Emprego FESTEM que organiza o Campus Industrial de Ferrol

Ferrol, 3 de novembro de 2022.- O Campus Industrial de Ferrol organiza mañá, venres 4 de novembro, de 09:00 a 15.00 horas, o Forum de Emprego FESTEM no que participan preto de 30 empresas do ámbito da enxeñaría de distintos puntos de Galicia tales como Reganosa, Jealsa, Gefico, Finsa, Televés, Galopín, Ghenova Ingenieros, EcoMT, Nordés, Acebrón, CT Ingenieros, Norvento Enxería, Cetus Group, Instra Ingenieros, ASCEGA Emprendedores de Galicia, Armaduras Metálicas San Juan, Cimentaciones San Juan, Osmos Sistemas Eléctricos, DETEGASA, Premonor, Escuela de Perfiles Técnicos, Grupo Intaf, Russula e Deus Artificial IntelIigence.

Tamén participan no Forum de Emprego FESTEM, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña (COETICOR), o Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e Oceánicos (COIN Galicia), o Clúster das Enerxías Renovables de Galicia (CLUERGAL), o Servizo de Emprego da Universidade da Coruña, a Delegación de Estudantes da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol e o Programa Xuventude Mentoring, unha iniciativa promovida pola Consellaría de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia e o Consorcio Interuniversitario de Galicia (CIXUG) en colaboración coas tres universidades públicas galegas.

Co obxectivo de mellorar a súa empregabilidade, o alumnado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e calquera outra persoa interesada poderá visitar os stands das empresas participantes nunha carpa situada entre a escola, a Igrexa Parroquial de Esteiro e o Centro Cultural Universitario. Este será un espazo de encontro no que terán a oportunidade de coñecer máis polo miúdo ás empresas, entregar o seu currículo vitae e participar en simulacros de entrevistas por videoconferencia.

A maiores, o Forum de Emprego FESTEM ten programados, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, un total de sete obradoiros formativos dirixidos a toda a comunidade universitaria. Ás 09:00 horas terá lugar o primeiro deles, titulado “O mercado laboral STEM. Que buscan as empresas nos candidatos/as? Máis alá do perfil STEM” impartido polo xerente do Clúster das Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal), Oriol Sarmineto, e o presidente da Delegación de Ferrol do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña (COETICOR), Félix Ledo.

Ás 10:15 horas dará comezo un obradoiro sobre DETEGASA e o desenvolvemento tecnolóxico na tecnoloxía 4.0. Ás 10:45 horas intervirá o consultor de Márketing Gonzalo Garré quen afondará no uso das redes sociais para potenciar a marca persoal e, ás 11:30 horas, Mónica Lamas quen presentará o Programa Xuventude Mentorig. Xusto despois, ás 12:30 horas, intervirá o enxeñeiro Antonio Casal quen falará sobre emprendemento.

Ás 14:00 horas dará comezo o obradoiro práctico de simulacións de entrevistas telefónicas, presenciais e as dinámicas de elevator pitch impartido polas responsables do Departamento de Recursos Humanos de FINSA, Gisela Mato e Mari López. O último dos obradoiros, está previsto para as 14:30 horas, onde se afondará no deseño efectivo dun currículo vitae da man do responsable de Relacións coa Empresa e Director do Centro de Formación de Cruz Roja da Coruña, Pedro Giménez. Todos os obradoiros poderán seguirse en directo a través da canle de YouTube do Campus Industrial de Ferrol.

 

Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF)

 

  • Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais
  • Grao en Enxeñaría Mecánica
  • Grao en Enxeñaría Naval e Oceánica
  • Programa de Simultaneiade Grao en Enxeñaría Mecánica + Grao en Enxeñaría Naval e Oceánica
  • Grao Dual en Enxeñaría Eléctrica ( o primeiro grao dual de Galicia, coa opción de cursar os 60 créditos ECTS correspondentes ao cuarto curso integramente nunha empresa)
  • Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática
  • Grao Aberto e Enxeñaría Industrial ( o alumnado estudará no primeiro curso materias comúns aos graos en Enxeñaría Eléctrica Dual, Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática e Enxeñaría Mecánica antes de decidir que grao é o que quere completar).
  • Máster Universitario en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos
  • Máster Universitario en Enxeñaría Industrial
  • Máster Universitario en Enxeñaría Naval e Oceánica
  • Máster Universitario Internacional en Materiais Complexos: Análise Térmica e Reoloxía (impartido conxuntamente coa Universtité Paris Diderot)
  • Máster Universitario Erasmus Mundus en Sustentabilidade e Industria 4.0 aplicada ao Sector Marítimo
  • Máster Universitario en Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade
  • Máster Universitario en Informática Industrial e Robótica

 

Máis información en https://festem.gal

Inscricións no Forum de Emprego FESTEM

Cartel promocional do Forum de Emprego FESTEM que acolle o Campus Industrial de Ferrol o vindeiro venres 4 de novembro.
Cartel promocional do Forum de Emprego FESTEM que acolle o Campus Industrial de Ferrol o vindeiro venres 4 de novembro.