Un convenio entre a UDC e a Fundación Mulleres por África facilita que dúas mozas continúen a súa formación académica no Campus Industrial de Ferrol

Ferrol, 3 de novembro de 2022.- A Universidade da Coruña e a Fundación Mulleres por África asinaron, o pasado mes de xullo, un convenio de colaboración para a posta en marcha do Programa de Bolsas Learn África no Campus Industrial de Ferrol. María Reyes Obono e Harriet Kumi son as dúas estudantes seleccionadas no marco deste convenio e, desde hai un par de semanas, continúan a súa formación académica na Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) e no Centro de Investigacións en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI).

María Reyes Obono (Malabo – Guinea Ecuatorial, 1994) é titulada en Arquitectura Técnica pola Universidade Nacional de Guinea Ecuatorial e, desde hai un par de semanas, cursa o máster en Enxeñaría en Deseño Industrial que se imparte na Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI). A súa bolsa para cursar estudos de postgrao no Campus Industrial de Ferrol no curso 2022/23 cubre os gastos derivados da súa matrícula, a súa viaxe de ida e volta, un seguro médico, o aloxamento na Residencia Universitaria Pública de Ferrol e a súa manutención. A maiores, a alumna poderá realizar, de xeito totalmente gratuíto, un curso de español no Centro de Linguas da Universidade da Coruña.

Harriet Kumi (Kumasi – Ghana, 1992) cursou un máster en Nanociencia na Universidade do País Vasco e, actualmente, está matriculada no Programa de Doutoramento en Física Aplicada. Baixo a titorización do investigador Ramón y Cajal da Universidade da Coruña, Saúl Beceiro, continuará afondando no campo da física nuclear no Centro de Investigacións en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI). A súa bolsa para cursar estudos de doutoramento no Campus Industrial de Ferrol no curso 2022/23 cubre os gastos derivados da súa matrícula, a súa viaxe de ida e volta, un seguro médico, o aloxamento na Residencia Universitaria Pública de Ferrol e a súa manutención.

De esquerda a dereita, María Reyes Obono e Harriet Kumi continúan a súa formación académica no Campus Industrial de Ferrol grazas a un convenio de colaboración asinado entre a Universidade da Coruña e a Fundación Mulleres por África
De esquerda a dereita, María Reyes Obono e Harriet Kumi continúan a súa formación académica no Campus Industrial de Ferrol grazas a un convenio de colaboración asinado entre a Universidade da Coruña e a Fundación Mulleres por África