Ferrol, 19 de febreiro de 2024.- O catedrático de Xornalismo da Universidade Carlos III de Madrid (UC3M) e catedrático Jean Monet “EU, desinformación e fake news”, Carlos Elías, imparte, este xoves 22 de febreiro, ás 19:00 horas, na Sala Carlos III da Fundación Exponav, a conferencia “Ciencia e Xornalismo como ferramenta contra as fake news”, convidado pola Cátedra Jorge Juan que promove a Universidade da Coruña (UDC) en colaboración coa Armada e que dirixe a profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Sonia Zaragoza.
Ao longo da súa intervención, o catedrático de Xornalismo da Universidade Carlos III de Madrid (UC3M), Carlos Elías, afondará en como se produce e como se transmite a información falsa. Do mesmo xeito, tamén explicará por que as teorías de conspiración son tan facilmente aceptadas polo conxunto da sociedade. “Entre as ferramentas que se mencionarán para loitar contra a desinformación está a ciencia e o pensamento racional, pero tamén o xornalismo, xa que a verificación dunha noticia está inspirada no método científico”, engade o profesor e divulgador.
A asistencia á conferencia “Ciencia e Xornalismo como ferramenta contra as fake news” é libre e gratuíta ata completar o aforo da sala.