O catedrático de Filosofía Moral da Universidade da Coruña, José Luis Tasset, presenta este mércores o seu último libro no Campus Industrial de Ferrol

Ferrol, 19 de febreiro de 2024.- O salón de graos da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol acolle, este mércores 21 de febreiro, ás 19:00 horas, a presentación do libro Hume. Mi disputa con Rousseau (Editorial Laetoli, 2023), escrito polo catedrático de Filosofía Moral da Universidade da Coruña, José Luis Tasset. Intervirán no acto de presentación a decana do centro, Manuela del Pilar Santos, e o xornalista, escritor e membro numerario da Academia Auriense-Mindoniense de San Rosendo, Ramón Loureiro.

Tal e como salienta o profesor da Facultade de Humanidades e Documentación, José Luis Tasset, este libro presenta, por primeira vez en español, a correspondencia intercambiada por David Hume e Jean-Jacques Rousseau durante a polémica que mantiveron en 1766 e que levou á ruptura definitiva da súa relación de amizade e a confrontar, a finais da Ilustración, dous modelos de racionalidade teórica e práctica, a utilitarista de Hume e a romántica de Rousseau. Xunto coa correspondencia, a publicación inclúe unha introdución textual sobre os documentos editados, unha detallada cronoloxía dos principais acontecementos que deron lugar a este desencontro, así como un amplo epílogo no que se interpreta esta polémica e o seu significado no contexto da Ilustración europea.

A obra foi editada por Laetoli en colaboración coa Universidade da Coruña e máis co Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

José Luis Tasset é catedrático de Filosofía Moral da Universidade da Coruña e profesor na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol.
José Luis Tasset é catedrático de Filosofía Moral da Universidade da Coruña e profesor na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol.