O escritor e xornalista Ramón Loureiro imparte unha conferencia o vindeiro xoves 21 de marzo no Campus Industrial de Ferrol

Ferrol, 11 de marzo de 2024.- O Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol acolle, o vindeiro xoves 21 de marzo, ás 18:30 horas, a conferencia “Literatura e Imaxinación: A Creación dun Reino” impartida polo xornalista, escritor e membro numerario da Academia Auriense-Mindoniense de San Rosendo, Ramón Loureiro.

Tal e como recoñece o propio Ramón Loureiro, Premio Internacional Afundación Julio Camba de Xornalismo en 2016, ao longo da súa traxectoria como escritor ten creado un universo narrativo propio, a medio camiño entre os mapas e os soños, que ten o seu epicentro na coñecida como Terra de Escandoi, representación da parroquia fenesa de Sillobre, lugar de nacemento do xornalista e escritor.

O tesón de Ramón Loureiro en converter ese territorio en literatura serviulle para obter distincións como a Insignia de Ouro do Concello de Ferrol, o Premio Letras de Bretaña outorgado polo Real Coro de Toxos e Froles, o Premio Caminhos da Memoria concedido pola Universidade do Minho ou título de Embaixador Permanente de Fene.

A conferencia, promovida desde o decanato da Facultade de Humanidades e Documentación da Universidade da Coruña, está aberta a toda comunidade universitaria e ao público xeral interesado. Prazas dispoñibles ata completar aforo.

O xornalista e escritor Ramón Loureiro imparte unha conferencia sobre a literatura e a imaxinación o vindeiro xoves 21 de marzo, ás 18:30 horas, no Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol. Imaxe cedida por Ramón Loureiro.
O xornalista e escritor Ramón Loureiro imparte unha conferencia sobre a literatura e a imaxinación o vindeiro xoves 21 de marzo, ás 18:30 horas, no Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol. Imaxe cedida por Ramón Loureiro.