Os equipos G4Z4F4NT4SM4S de Narón e Elementals de Ourense representarán a Galicia na Gran Final Nacional da FIRST LEGO League

Ferrol, 2 de marzo de 2024.- Máis de 300 mozos e mozas de entre 4 e 16 anos participaron este sábado na décima edición da FIRST LEGO League Galicia (FLL Galicia) que tivo lugar no Campus Industrial de Ferrol. As presentacións dos Proxectos de Innovación realizáronse na Facultade de Humanidades e Documentación e na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) mentres que o Xogo do Robot se disputou no Pavillón de Esteiro. Pola súa banda, o Auditorio Municipal de Ferrol acolleu o acto de entrega de premios, xa en horario de tarde, ao que asistiron participantes, autoridades e familias.

Logo dunha intensa mañá de presentacións, probas e moitos nervios, o equipo G4Z4F4NT4SM4S, da escola multidisciplinar Gazapo de Narón, acadou o Primeiro Premio Ingeniera Soy ao Gañador. Pola súa banda, o equipo Elementals, da academia Captioma de Ourense, logrou Segundo Premio Universidade da Coruña ao Gañador. Deste xeito, ambos os dous equipos conseguen clasificarse para participar na GRAN FINAL NACIONAL da FIRST LEGO League que terá lugar, o próximo 16 de marzo, no Edificio do Paraninfo e na Facultade de Dereito da Universidade de Alicante.

O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, e a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, foron os encargados de entregarlles os trofeos e diplomas aos dous equipos gañadores. Con todo, no acto de entrega de galardóns tamén participaron a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística do Concello de Ferrol, Patricia Cons; o director do Campus Industrial da Universidade da Coruña, Marcos Míguez; a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Xunta de Galicia, Margarita Ardao; o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (Icoiig), Julio García Cordoné; o presidente de Ingenier@Soy, Javier Butragueño; o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz; o representante de Gabadi, José Luis Manso; a responsable de Marketing de PuntoGal, Cristina Ríos, ou a alcadesa do Concello de Narón, Marián Ferreiro, entre outras autoridades.

A Universidade da Coruña, a través do Campus Industrial e da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, e en colaboración con ingeniera.soy, organizou a décima edición da FLL Galicia, un campionato no que participaron un total de 43 equipos (25 na categoría FLL Challenge, 16 na FLL Explore e 2 na FLL Discover), máis de 300 mozos e mozas de toda Galicia e preto de 100 voluntarios e voluntarias. O evento, coordinado polo profesor José Antonio Becerra Permuy, puido seguirse en directo a través da canle de You Tube da FLL Galicia.

Como cada ano, colaboraron nesta iniciativa a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego – dependente da Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade –, a Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Ferrol. Ademais, patrocinan a FLL Galicia a empresa Gabadi SL, o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), Gadis, ERROR! Ferrol, PuntoGal, Neodyn e Todo Ocio.

  • Primeiro Premio Ingeniera Soy ao Gañador – G4Z4F4NT4SM4S, Gazapo Xestión (Narón, A Coruña)
  • Segundo Premio Universidade da Coruña ao Gañador – Elementals, Captioma Galicia (Ourense)
  • Primeiro Premio Concello de Ferrol aos Valores FIRST – Las Acacias BOT, Colexio Montecastelo (Vigo, Pontevedra)
  • Segundo Premio Deputación da Coruña aos Valores FIRST – MEGA RIBEIRA SUPER LEGO, MEGA Riveira (Ribeira, A Coruña)
  • Primeiro Premio Xunta de Galicia ao Proxecto de Innovación – Os robots do pazo, IES de Fene (Fene, A Coruña)
  • Segundo Premio Icoiig ao Proxecto de Innovación – PINTUZ4POS, Gazapo Xestión (Narón, A Coruña)
  • Primeiro Premio ao Deseño do Robot – MontecasteloBOT, Colexio Montecastelo (Vigo, Pontevedra)
  • Segundo Premio ao Deseño do Robot – MEGA BUILDER TEAM, MEGA Riveira (Ribeira, A Coruña)
  • Premio ao Comportamento do Robot – MEGA BUILDER TEAM, MEGA Riveira (Ribeira, A Coruña)
  • Premio Gabadi á Execelencia en Enxeñaría – ROBTIGUEIRA, IES de Ortigueira (Ortigueira, A Coruña)
  • Premio PuntoGal ás Novas Promesas – CTRL+T, IES As Telleiras (Narón, A Coruña)
  • Premio ao adestrador/a – Teresa Cercido Galdo de CTRL+T
  • Nominación National Innovation Award – Os robots do pazo, IES de Fene (Fene, A Coruña)
O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, entregoulle o Primeiro Premio Ingeniera Soy ao Gañador aos e ás integrantes do equipo G4Z4F4NT4SM4S, da escola multidisciplinar Gazapo de Narón
O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, entregoulle o Primeiro Premio Ingeniera Soy ao Gañador aos e ás integrantes do equipo G4Z4F4NT4SM4S, da escola multidisciplinar Gazapo de Narón

 

A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, entregoulle o Segundo Premio Universidade da Coruña ao Gañador aos e ás integrantes do equipo Elementals da Acadamia Captioma de Ourense.
A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, entregoulle o Segundo Premio Universidade da Coruña ao Gañador aos e ás integrantes do equipo Elementals da Acadamia Captioma de Ourense.